Aclaracións condicións de promoción e/ou titulación na ESO e no bacharelato. Curso 21-22
Na ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia, figura a normativa de avaliación para as etapas educativa a ESO e o bacharelato.
Resaltamos aquí os artículos referentes á promoción e titulación.
CONDICIÓNS APLICABLES NA ESO
Artigo 8. Promoción
- Ao finalizar cada un dos cursos da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa promoción. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á consecución dos obxectivos, ao grao de adquisición das competencias establecidas e á valoración das medidas que favorezan o progreso da alumna ou do alumno, e tendo en conta os criterios de promoción.
- Para os efectos do disposto no punto anterior, acadará a promoción dun curso a outro o alumnado que superase as materias ou os ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores. Ademais de nos casos anteriores, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:
-
- a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
- b) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte.
- c) Que o equipo docente considere que ten expectativas favorables de recuperación.
- d) Que o equipo docente considere que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.
Artigo 10. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria
- Ao finalizar o cuarto curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa titulación. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á adquisición das competencias establecidas e á consecución dos obxectivos da etapa, sen prexuízo do establecido no artigo 7.2 desta orde, e tendo en conta os criterios de titulación.
- Para os efectos do disposto no punto anterior, obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumnado que supere todas as materias ou ámbitos cursados. Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:
-
- a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
- b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.
- c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.
CONDICIÓNS APLICABLES NO BACHARELATO
Artigo 14. Promoción
- Ao finalizar o primeiro curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente de cada alumna ou alumno adoptará a decisión sobre a súa promoción ao segundo curso.
- As alumnas e os alumnos acadarán a promoción de primeiro a segundo de bacharelato cando superen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo.
Para os efectos deste punto, só se computarán as materias que como mínimo a alumna ou o alumno deben cursar en cada un dos bloques. No bloque de materias de libre configuración autonómica só se computará Lingua Galega e Literatura, con independencia de que as alumnas e os alumnos poidan cursar máis materias do devandito bloque.
- O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso. Os centros educativos organizarán as consecuentes actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes tendo en conta que a avaliación destas materias terá que ser anterior á das materias de segundo curso.
- As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade.
Artigo 15. Título de bacharel
- O título de bacharel acredita o logro dos obxectivos establecidos para a etapa e a adquisición das competencias correspondentes.
- Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato.
- Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a obtención do título de bacharel por unha alumna ou un alumno que superase todas as materias agás unha, sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:
-
- a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias e os obxectivos vinculados a ese título.
- b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.
- c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.
- d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Neste caso, para os efectos do cálculo considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.